24 Set Adventurézaro: coñece a Costa a bordo dun kaiak
A descuberta dunha carencia, poder amosar dende unha perspectiva diferente os tesouros que esconde a Costa da Morte, foi o primeiro paso para a creación da empresa da que nos ocupamos hoxe: Adventurézaro, que asinou oficialmente a súa adhesión a Terra Atlántica o pasado xoves.
Esta compañía familiar nace da vontade de compartir a experiencia acumulada tras anos de practicar sendeirismo e kaiak na zona. Cóntanos Ovidio Castro que os seus servizos inclúen rutas en kaiak pola Fervenza do Ézaro, alugueiro de kaiaks e rutas ata a Baleeira de Caneliñas, ou rutas de sendeirismo polo Monte Pindo. Destacan, ademais dos completos percorridos durante o día, as súas rutas nocturnas, nas que se pode apreciar toda a beleza da Fervenza e “os segredos que esconde a noite, remarás baixo un manto estrelado e en pleno silencio polos recunchos das ladeiras do Monte Pindo, onde outrora se reparaban os barcos viquingos”. En temporada alta (Semana Santa e verán, habitualmente), existe a opción de facelo con iluminación e sonorización nocturna. Experiencia a non perder.
Adventurézaro uniuse a Terra Atlántica polo seu vinculo evidente coa zona, que ten para eles “unha importancia moi grande, xa que sen a Costa da Morte non existiriamos como empresa”. Agardan que nesta nova marca territorio “sen tardar moito podamos todos xuntos estar remando dende o mesmo lado”. Voguemos pois.
No Comments