
26 Nov Algareira: a esencia do mar, feita doce
“Somos a esencia das praias camariñás de Reira e das algas que forman parte de cada unha das receitas destes doces bocados” – así se define Algareira, a marca de repostería que ten as algas da nosa Costa como ingrediente base en todas as súas creacións. Para a arxentina Silvina Muñoz a súa mente, o seu corazón… e o seu negocio, habitan actualmente en Camariñas. Dende Xaviñas, onde está situado o seu obradoiro artesanal, sae unha repostaría especializada que cada vez ten máis sabor mariño.
Os seus produtos, curiosamente, teñen unha orixe fortuíta: unha degustación de marmeladas con algas que deu pé a diferentes experimentos e derivou na creación toda unha liña adicada ao mar que hoxe incluso ten patentes de rexistro propias. Outra orixe, a da palabra “algareira”, é tamén curiosa: nace da combinación de “alga”, ingrediente base dos doces, con “Reira”, a praia onde nacen as “caraminias”, froitos dos arbustos que dan nome a Camariñas. Pero ademais dese acertado xogo, a Real Academia Galega define o adxectivo como unha persoa alegre e faladora, e un son agradable ao oído. Todas as opcións son adecuadas para esta marca e a súa responsable.
Silvina cóntanos que Algareira naceu hai tres anos para canalizar esas fusións e novas creacións, que hoxe en día toman forma de bombóns, galletas, alfajores ou pudin. Todos eles, afirma, están vencellados á Costa da Morte porque “é a nosa identidade”. Por iso pensa que dentro de Terra Atlántica poden darlle proxección á súa marca, ao tempo que obter apoios e acadar sinerxías.
No Comments