Bases legais do concurso en Instagram “Que é para ti A Costa da Morte?”

Bases do Concurso

1. Convocatoria

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte que agrupa 17 concellos (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas) convoca a primeira edición do concurso fotografía e clips de vídeo online #MarcaCostadaMorte para dinamizar e poñer en valor a economía da Costa da Morte, as empresas e os seus produtos: agro, mar, industria, patrimonio.

2. Bases e condicións do concurso

2.1. Participantes

  • Ser residente, estudante, traballar ou ser titular dunha actividade económica en calquera dos concellos da Costa da Morte.
  • Presentarase acreditación documental da condición de participante, no caso de que o requira o GDR Costa da Morte e, para as persoas menores de idade, achegar unha autorización das ou dos seus titores legais.
  • Ser persoas usuarias de Instagram con perfil público.

2.2. Requisitos de participación

  • Publicar unha fotografía/clip en Instagram desde o perfil de usuario/a da aplicación. A foto/clip deberá conter unha imaxe ou escena localizada no territorio do GDR Costa da Morte: paisaxes, persoas, produtos, etc, xa sexa en interior ou en exterior.
  • Incluír un título para a imaxe/clip de vídeo na publicación.
  • Mencionar o hashtag #MarcaCostaDaMorte e citar a conta @terra_atlantica
  • Seguir a @terra_atlantica en Instagram.
  • Xeolocalizar a imaxe/clip de vídeo para confirmar que se fixo na Costa da Morte.
  • Mencionar a outras dúas persoas para que participen.
  • Respectar as condicións de uso xerais da rede social Instagram.
  • As fotos e clips de vídeo que se publicaran noutras redes sociais antes que en Instagram non serán admitidas a concurso. Deben ser orixinais.
  • Cada participante poderá achegar máis dunha foto e/ou clip, pero soamente poderá gañar un premio.
  • A persoa participante debe ter o perfil de Instagram aberto ao público, para que a organización poida visualizar as fotos e/ou clips.
  • No se admitirán fotos e/ou clips de vídeo presentadas a outros concursos anteriormente.
  • As fotos e clips de vídeo presentados admitirán retoques en niveis, curvas, saturación, brillo, contraste e exposición, pero non engadirán obxectos nin elementos que alteren a foto e/ou o clip de vídeo.
  • O Xurado resérvase o dereito de excluír do concurso todas as imaxes e/ou clips das diferentes categorías, que o seu contido sexa abusivo, violento/ameazante, racista, sexista, infrinxa ou lesione dereitos de terceiros ou calquera disposición legal en vigor. A persoa participante será a única responsable de obter cantos permisos e autorización sexan necesarias para non vulnerar ningún dereito de terceiros. Todas as imaxes e/ou clips que contraveñan os anteriores principios e/ou requisitos serán automaticamente descartadas, quedando fóra de concurso.
  • Coa sinalización do hashtag do concurso na súa foto e/ou clip e vídeo, a persoa participante garante que a obra é orixinal e inédita e non está suxeita a contratos, cesión ou licenzas a terceiros dereitos de autor ou de propiedade intelectual ou doutros dereitos. Igualmente, a persoa participante garante que a súa foto está libre de calquera gravame ou carga e que non infrinxe dereitos a terceiros.

2.3. Ámbito xeográfico do concurso

Nas fotos e/ou clips de vídeo presentados ao concurso deberá aparecer unha imaxe de calquera escena localizada no territorio do GDR Costa da Morte de persoas, produtos, etc, xa sexa en interior ou en exterior.

2.4. Tema

A temática das fotos e/ou clips do concurso será libre, sempre e cando se reflictan nas imaxes e escenas singulares da Costa da Morte. Valorarase, entre outras características, a calidade, creatividade, orixinalidade e execución artística. Especialmente valorarase, por parte do Xurado, haber captado imaxes e/ou clips de vídeo que logren, por un lado, representar a identidade da Costa da Morte, e doutro, transmitir algúns dos valores da Marca Territorio Costa Morte, Terra Atlántica recollidas no seu diagnóstico:

Aspectos identidade e valores Costa da Morte concurso Instagram TA

2.5. Categoría

Establécense dúas categorías:

  • Premio do Xurado. As foto ou clip de vídeo gañador será a seleccionada por un Xurado designado pola Comisión de Control da Marca do Territorio Costa da Morte, Terra Atlántica.
  • Premio do Público. A foto ou clip de vídeo que obteña un maior número de votos das persoas participantes na votación que se habilitará no concurso. En caso de empate premiarase á participante que máis fotos presentara ao concurso. Si se mantivera o empate, sumaríanse os “votos” de todas as fotos e clips presentadas ao concurso por cada participante.

2.6. Premios

Categorías e Premios:

  • Premio do Xurado para a mellor foto de Identidade e Valores:
    • Tablet, 10” á imaxe designada polo xurado que mellor capte a identidade e valores da Costa da Morte.
  • Premio do Xurado para o mellor vídeo de Identidade e Valores:
    • Smartphone 2,3 GHZ 4 GB RAM ao clip de vídeo designado polo xurado que mellor capte a identidade e valores da Costa da Morte.
  • Premio do público a través de votacións “likes” para a mellor foto:
    • Tablet, 10” á fotografía que máis votacións das persoas participantes consiga dentro do prazo establecido, axustándose á temática do concurso.
  • Premio do público a través de votacións “likes” para o mellor vídeo:
    • Smartphone 2,3 GHZ 4 GB RAM ao clip de vídeo que máis votacións das persoas participantes consiga dentro do prazo establecido, axustándose á temática do concurso.

Os premios non serán canxeables polo seu importe económico en metálico.

2.7. Ámbito Temporal. Prazos

O prazo de publicación de imaxes ao concurso e as votacións das persoas participantes establécese dende o 1 ao 31 de xullo de 2020 ás 23:59 horas, con posibilidade de ampliación no caso de que fora necesario.

A entrega de premios realizarase no lugar, día e hora que se sinale ao efecto.

2.8. Comunicación do Concurso

A organización poderá facer a difusión do concurso utilizando as fotos e clips de vídeo presentados, co obxectivo de animar a participación e promocionalo a través doutras plataformas (web e redes sociais).

As vías de comunicación e difusión serán os centros de ensino e a web, www.terratlantica.gal, e os seus perfís de redes sociais de Instagram, Facebook e Twitter.

2.9. Carácter gratuíto do Concurso

O concurso desenvolverase baixo a modalidade de “Concurso gratuíto”, é dicir, a participación neste concurso non implicará ningún gasto para as persoas participantes, excepto os gastos de desprazamento que sexan necesarios para a recollida do premio por parte das persoas premiadas.

2.10. Xurado

A Comisión de Control da Marca, nomeará un Xurado para a categoría “Premio do Xurado”. O perfil do Xurado estará integrado por:

  • Dúas persoas representantes da Xunta Directiva do GDR Costa da Morte.
  • Dúas persoas representantes de empresas adheridas a Marca de Territorio Costa da Morte, Terra Atlántica.
  • Unha persoa representante de colectivos fotográficos, artísticos, culturais da Costa da Morte.

O Xurado resérvase o dereito de declarar deserto o premio.

As decisións do Xurado serán, en todo caso, inapelables. As persoas concursantes polo mero feito de participar neste concurso, renuncian expresamente ao exercicio de todo tipo de reclamacións contra as resolucións do Xurado.

Emitido o fallo, as actas do Xurado serán ratificadas por resolución da Comisión de Control e Seguimento da Marca.

2.11. Comunicación das persoas gañadoras

A Comisión de Control e Seguimento da Marca do GDR Costa da Morte comunicará, a través da rede social de Instagram, as persoas das imaxes ou clips gañadores en cada unha das dúas categorías, así como o día, lugar e hora do acto de entrega dos premio, co fin de que podan asistir ao mesmo, ou, no caso de imposibilidade, designar á persoa que lle representará en dito acto.

2.12. Fotografías e clips excluídos

Quedan excluídas do presente concurso:

  • Os proxectos daquelas persoas autoras que non cumpran cos requisitos establecidos nas presentes Bases.
  • Aquelas fotografías e clips premiados se transcorridos 5 días desde a finalización do concurso non se logra contactar coa persoa gañadora, asignándose o premio á seguinte finalista/suplente.

2.13. Fotografías e clips seleccionados e premiados

As persoas autoras das fotos e clips de vídeo seleccionados e premiados no presente concurso nas diferentes modalidades e categorías ceden ao GDR Costa da Morte todos os dereitos de reprodución e distribución, para a explotación exclusiva da obra, mediante calquera modalidade de difusión e/ou distribución, sempre con fins sociais e culturais e non lucrativos, facendo constar a autoría.

2.14. Exposición itinerante

Tras o fallo do Xurado, o GDR Costa da Morte poderá escoller unha selección das fotografías e clips presentados para configurar unha exposición virtual e/ou presencial fixa ou itinerante.

2.15. Dereito de imaxe e de autoría

As persoas participantes no concurso mantéñense como persoas propietarias dos dereitos as súas imaxes pero outorgan ao GDR Costa da Morte o dereito a usalas, acompañadas sempre dunha cita co nome da autoría. Isto afecta a todos os dereitos de propiedade intelectual e industrial, existentes ou que podan derivarse, das fotografías e vídeos colgados co hashtag xa mencionado, con motivo da súa participación neste concurso.

O GDR Costa da Morte poderá utilizar libremente ditas imaxes nas súas páxinas web, así como noutras publicacións, tanto online como offline sempre citando á autoría das mesmas.

As fotografías e vídeos presentados deben ser inéditas e orixinais.

Non se admitirá ningunha fotografía e clip de vídeo se os seus dereitos de propiedade intelectual non pertenzan integramente e sen excepción á propia persoa participante do concurso.

As persoas participantes garantirán que as fotografías e vídeos presentados ao concurso son da súa autoría e se fan plenamente responsables do seu contido.

Para as fotografías e clips de vídeo nas que aparezan persoas recoñecibles, as persoas concursantes deberán ter autorización das mesmas. O GDR Costa da Morte resérvase o dereito a pedir unha carta asinada por ditas persoas, autorizando o uso da súa imaxe.

2.16. Aceptación

A participación no concurso implica, por si mesma, a aceptación das presentes bases. A falta desta aceptación por parte da persoa participante comportará a exclusión da súa participación no presente concurso.

2.17. Tratamento de Datos Persoais

Os datos persoais facilitados unicamente serán tratados para xestionar a participación no presente concurso, comunicación dos premiados e uso dos dereitos de imaxe con cita da autoría.

2.18. Responsabilidades

O GDR Costa da Morte resérvase o dereito de anular calquera fotografía ou vídeo se existise unha manipulación incorrecta dos datos da persoa participante.

Asi mesmo, resérvase o dereito a modificar en calquera momento as bases do presente concurso, incluso o seu posible anulación antes do prazo prefixado, sempre que concorra causa xusta, comprometéndose a comunicar as novas bases, condicións do concurso ou a anulación definitiva no seu caso, coa suficiente antelación e publicidade.

Ademais, non se responsabiliza das posibles perdas de datos por problemas de terceiros provedores alleos a esta convocatoria, como podan ser Instagram ou Internet.

O GDR Costa da Morte exclúe calquera responsabilidade polos danos e prexuízos de toda natureza que, a pesar das medidas de seguridade adoptadas, puideran deberse á utilización indebida dos servizos e dos contidos por parte das persoas usuarias, e en particular, aínda que non de forma exclusiva, polos danos e prexuízos de toda natureza que podan deberse á suplantación da personalidade dun terceiro efectuada por unha persoa usuaria en calquera clase de comunicación realizada.

2.19. Consideracións adicionais

O GDR Costa da Morte resérvase a posibilidade de rexeitar a participación daquelas persoas onde os seus datos non estean completos ou as imaxes presentadas non cumpran os requisitos para poder participar no concurso.

O GDR Costa da Morte resérvase o dereito a efectuar cambios que redunden no bo fin do concurso, cando concorra causa xusta ou motivos de forza maior que impidan levalo a término na forma descrita nas súas bases.

2.20. Instagram

O Concurso non está patrocinado, avalado, administrado nin asociado de ningún xeito a Instagram, polo que as persoas participantes liberan a Instagram de toda responsabilidade polos eventuais danos que se deriven da mesma.

2.21. Lexislación aplicable e xurisdición

Estas bases están sometidas á normativa legal española. Para calquera controversia sobre a interpretación destas bases, os/as participantes sométense de maneira expresa aos xulgados de Carballo.

2.22. Protección de datos do concurso de fotografía e vídeo: Que é para ti a Costa da Morte?

>> Descarga o documento de consentimento paterno para a protección de datos de menores.