
23 Dec Brétema: o sabor da Costa da Morte na túa cociña
En Coído de Sabadelle queren trasladar o sabor a mar da Costa da Morte ás cociñas e aos padais dos seus clientes. Por iso a auga mariña da zona forma parte de todos os seus produtos e lles confire un toque diferente e especial.
A súa aventura empresarial deu comezo con Brétema, dende onde, baseándose na filosofía de Eurípides, quen dicía que “A auga de mar cura todos os males do home”, extraen, envasan, distribúen e venden auga de mar con grandes beneficios culinarios. Brétema comercialízase co sistema de envasado “bag in box”, que garante a perfecta conservación do contido durante máis de doce semanas despois da apertura, conservando as características organolépticas. Trátase dun deseño óptimo para a almacenaxe ecolóxica do produto.
Pero convencidos de que as propiedades deste poderoso líquido non podían quedarse aí, foron avanzando con novas bebidas. Primeiro, a cervexa Estrela de Mar con base, por suposto, de agua de mar da contorna, e en dúas variedades: unha con toques de trigo e outra con reminiscencias de froitas. Actualmente están a colaborar coa produción de tónicas e xenebras, tamén baseadas en augas de mar, das que agardamos ter pronto novidades.
Coído de Sabadelle é Terra Atlántica pola súa localización en Vimianzo, pero tamén pola súa aposta polo local e o seu respecto á contorna. Sabadelle, ademais de coñecerse por ser a “fiestra do concello ao mar”, é un punto con cero contaminación industrial, o que garante a calidade das súas augas e dos seus produtos.
No Comments