12 Nov A Casa do Peixe: moito máis que un restaurante
A Casa do Peixe é moito mais que un restaurante. Falamos dun proxecto que pretende poñer en valor o produto autóctono e a cultura mariñeira da Costa da Morte, no que se levan a cabo diversos tipos de accións de divulgación, como exposicións semestrais relacionadas con Muxía e a súa historia e a cultura mariñeira, ou o congro e a súa tradición.
Pero, por suposto, a gastronomía ten tamén protagonismo neste lugar: con produto do mar, autóctono e de alta calidade, os seus pratos están baseados na materia prima local obtida do bravo mar da Costa da Morte. Como eles nos contan “de temática mariñeira, de familia de mariñeiros e mariscadores coñecedores do produto, pescamos o noso peixe nos nosos propios barcos”.
Nunha ampla carta na que abunda mariscos, peixes e carnes, a verdadeira especialidade da Casa do Peixe é o congro, que preparan de xeito artesanal no seu secadoiro familiar. Ademais, dispoñen dunha exposición permanente de congro seco en vitrina e organizan unhas xornadas dedicadas a este produto, que Belén Lema e o seu equipo mima para ofrecer dos xeitos máis saborosos aos seus clientes.
E se todo isto non fose suficiente, a súa localización xunto á Praia da Cruz e o Porto Deportivo, cunha ampla zona de paseo marítimo, permite gozar dunhas impresionantes vistas, mostra desta nosa Terra Atlántica á que acaban de adherirse para aportar toda a súa experiencia, talento e bo facer.
No Comments