17 Dec CAVISA: unha minería sostible é posible
Caolines de Vimianzo (Cavisa) vén de converterse na primeira empresa española en obter as certificacións UNE 22480, de sistema de xestión mineira sostible, e UNE 22470, de sistema de xestión mineiro-mineralúrxica-metalúrxica sostible. Trátase da confirmación do seu compromiso coa terra, coa súa contorna, coas súas xentes… coa Costa da Morte.
A empresa dedícase á recuperación e produción de caolíns, micas e areas silíceas dende a súa sede en Vimianzo. Tratan de facelo dun xeito eficiente, pero tamén respectuoso co medio ambiente; así, o seu director, Juan José López Muñoz, explica: “Practicamos unha minería sostible baseada na economía circular; a innovación e as sinerxías son as nosas ferramentas ante un futuro globalizado, cambio climático incluído”.
Cavisa foi fundada no ano 1981 por Rio Tinto Minera e a Xunta de Galicia, a través do Sodiga. Juan José cóntanos tamén que a súa materia prima “provén da descomposición do granito primixenio presente na nosa Costa, modificado co paso do tempo sometido a condicións hidrotermais específicas, e iso fainos singulares”. E tan singulares: as pinturas do Dolmen de Dombate están feitas con base de caolín, hai 4000 anos. Actualmente, Cavisa traballa non só eses caolíns, senón tamén micas, areas, rexeneracións ambientais ou reservorios de auga doce, e os seus produtos teñen aplicación en sectores tan diversos como plásticos, papelería, pintura, construción, cerámica, cosmética ou automoción.
Para eles, a Cosa da Morte é a súa casa, para a que buscan “crecemento, desenvolvemento, sostibilidade”. Dentro de Terra Atlántica consideran que poden atopar “visibilidade do colectivo, sinerxías, incremento da cadea de valor aquí… porque xuntos seremos máis fortes”.
No Comments