“Conversas na Terra Atlántica” para coñecer máis polo miúdo a marca de territorio da Costa da Morte

“Conversas na Terra Atlántica” para coñecer máis polo miúdo a marca de territorio da Costa da Morte

Terra Atlántica abre á cidadanía da Costa da Morte, así como a colectivos de calquera índole que poidan estar interesados o ciclo “Conversas na Terra Atlántica” para difundir a Marca de Territorio e reflexionar conxuntamente sobre as estratexias a seguir pola nosa marca de territorio.

A Marca de Territorio quere consolidar e potenciar a identidade da Costa da Morte, en base ao reforzo e a distinción da produción local, baixo uns parámetros de calidade e valor diferencial. O obxectivo que orientou a creación desta marca foi -e sigue sendo- distinguir, visibilizar e consolidar no mercado os produtos ou servizos de empresas, así como a potencialidade dos seus axentes sociais. Cremos fondamente que a Costa da Morte ten materia prima dabondo para ser un territorio de referencia e proxectar conxuntamente os seus valores: calidade nos seus produtos, patrimonio natural e cultural de gran interese, unha identidade propia e un talento único para o emprendemento.

É por isto que Terra Atlántica quere ser quen de aglutinar todo este talento e bo facer na procura dunha estratexia marco que sitúe á Costa da Morte no mapa e que faga do noso territorio un lugar de referencia e garantía de calidade.

A Marca tamén quere sentar as bases para a colaboración entre empresas, cidadanía e colectivos -tanto civís como empresariais- para definir un desenvolvemento territorial sostible que xere riqueza e valor diferencial na Costa da Morte. Queremos que sexa a propia comunidade da Costa da Morte a que consuma produtos e servizos do territorio: ao fin, quen mellor que nós para abandeirar o noso recuncho do mundo?

 

Se pertences a algún colectivo, tes algunha idea ou simplementes tes interese en participar, podes facérnolo saber en info@terratlantica.gal ou no 627 570 950.

No Comments

Post A Comment