
29 Ago Campamento Corzón: durmir en plena natureza
Se queres aloxarte de xeito diferente na túa visita á Costa da Morte ou no teu percorrido do Camiño de Santiago, Campamento Corzón ofrece as instalacións perfectas. O seu servizo baséase no aloxamento en tendas de campaña, localizadas nunha contorna rural envexable con vistas panorámicas que está situada en Corzón – Mazaricos.
Falamos co seu responsable, Manuel Antonio París, quen explicou que a idea coa que naceu o proxecto foi “dar unha alternativa de aloxamento distinta no Camiño de Santiago”. E tan distinta: se o cliente quere traer a súa tenda, pode facelo e, se non e así, Corzón proporciónalle unha das súas, cómodo colchón incluído. Ademais, ofrecen abundantes almorzos, comidas e ceas e todas as comodidades que proporciona un camping ao uso… entre árbores e postas de sol, en plena natureza.
Para eles, a Costa da Morte “é un importante destino turístico diferenciado, que atrae numerosos turistas e camiñantes”. Non en van moitos peregrinos, un grupo de público moi importante para esta empresa, deciden trala súa chegada a Santiago continuar ruta ata Fisterra, completando así a súa viaxe alcanzando (e contemplando) o Océano Atlántico.
Dende Campamento Corzón decidiron unirse a Terra Atlántica porque “ter unha imaxe de marca asociada a calidade é importante para atraer visitantes, ofrece garantías e confianza”. Agardan que este novo proxecto se consolide nos vindeiros anos, e poder medrar con el. Que así sexa!
No Comments