A Costa da Morte non son só faros (que tamén, e ben impresionantes), senón unha terra que produce, que ofrece servizos, na que hai empresas punteiras, na que hai calidade e talento. Unha terra que vive na enerxía das ondas e na firmeza do chan, da que xorde unha marca que identifica, ademais das persoas que a habitan e a senten, ao abano de produtores, provedores de servizos e entidades locais de sectores como agricultura, gandaría, pesca, alimentación, industria, comunicación, hostalaría, restauración, turismo ou cultura.
O antigo fin do mundo (o que os romanos chamaban “Finis Terrae”) ten moito que ver. Descobre os seus acantilados creados pola forza do mar, os seus faros salpicados polas ondas, as súas praias de areas brancas, os seus espazos naturais protexidos, os seus tesouros arquitectónicos… Que se poden percorrer por libre ou a través de rutas.
Sabor a mar, sabor a frescura, sabor a liberdade. A sona precede á gastronomía da Costa da Morte. Peixes e mariscos son os buques insignia, pero a calidade dos produtos da terra, destacando pan, patacas, froitas e hortalizas, non ten que envexarlles. A Gran Orde Gastronómica encargarase de que mal, non comas.
Unha terra considerada o fin do mundo na época do Imperio Romano, onde o sol afunde no Atlántico, non pode deixar de ter a súa propia historia. Os naufraxios que na antigüidade deron lugar ao nome actual, Costa da Morte, deixaron lendas e contos para encher tardes enteiras falando de submarinos desaparecidos, de pianos de cola nas praias, de bois que non o eran, de leite condensado convertido en pintura.
Unha costa tan movida como este recuncho do océano Atlántico non é para quedar quieto. Ademais das rutas, os paseos, os xantares, as compras, os baños… esta zona máis ao Noroeste do Noroeste da península ibérica ofrece actividades como cruceiros, kayak, barranquismo, paintball, surf ou hípica, entre outras actividades. Sen esquecer a vida nocturna e as festas, que habelas hainas tamén!