ar de arte empresa terra atlantica

Ar de Arte: a fusión do mellor das tendencias artísticas e gastronómicas da terra

Hoxe presentamos unha empresa adherida a Terra Atlántica que fusiona tendencias artísticas e gastronómicas: Ar de Arte. A mestura de alimentos feitos en Galicia con deseños creados por artistas galegos fai da calidade da materia prima e dos seus packagings únicos un conxunto especial que non vai pasar desapercibido.

ar de arte produtoAr de Arte é unha empresa de recente creación, pero cun percorrido xa salientable. Naceu en Carballo hai 8 meses a través dun programa do IGAPE e, dende entón, o seu proxecto de amosar o patrimonio gastronómico e cultural de Galicia non fixo máis que medrar. A  empresa está centrada en compartir “o amor pola terra, pero coa vista posta no futuro, en seguir poñendo en valor o talento, a creatividade e a innovación”.

Nacidos da opinión de que se debe potenciar “a xente que emprende cos recursos que a súa terra lle ofrece”, entre os seus produtos atópanse a cervexa artesá Chimán, que denominan “a cervexa da Costa da Morte”, ou conservas de mexillón e xoubiñas con etiquetas e packagings deseñados por artistas como Fernando Rei, e Axóuxeres e Chisqueiros. Ademais, están preparando outras colaboracións con músicos, artesáns e pintores locais.

Cóntannos que “a necesidade dunha entidade que serva de enlace e fortalecemento ao tecido empresarial da Costa da Morte” foi o que lles decidiu a unirse a Terra Atlántica. Apostan por esta plataforma para obter visibilidade en redes sociais e internet, e como un xeito de prestixiar o selo e as entidades adheridas. Ademais, afirman que da cooperación entre empresarios ao abeiro desta marca poden xurdir novas oportunidades de mercado. Agardamos que así sexa!

No Comments

Post A Comment