
21 Ago Gandería Doreiro: Rubia galega con certificado de calidade
Terra Atlántica ten nunha das súas primeiras empresas adheridas unha explotación gandeira especializada na cría de gando vacún de raza autóctona rubia galega: Gandería Doreiro. Trátase dunha empresa familiar que pasou de xeración en xeración adaptándose os tempos que corrían e que chegou no seu tempo a ser unha explotación mixta con vacas leiteiras e vacas de carne. José Ramón Pereira explicounos que, no ano 1999, en plena aplicación do réxime de cotas lácteas e a necesidade de modernizar os cortellos e o sistema de muxido, “decidimos reconvertela no que xa fora nalgún tempo, dedicándonos exclusivamente á produción de carne de calidade”.
Establecida en Alborés, no Concello de Mazaricos, a súa produción faise ao completo de xeito natural, posuíndo o selo da IXP Tenreira Galega Suprema que garante unha alimentación dos tenreiros baseada no leite da nai e o pastoreo, así coma no benestar animal. Mostra de que “na Costa da Morte existe un produto de alta calidade, grazas en parte a que nunca nos apartamos moito das tradicionais formas de produción, e que actualmente, moitos intentan recuperar”.
A súa adhesión a Terra Atlántica vén guiada polo seu interese en darse a coñecer, pero tamén polas relacións que poden xurdir con outras empresas. Gustaríalles que fose o impulso que faga que os produtos e servizos da zona “se valoren como corresponde e sirva para diferencialos nun mercado cada vez máis globalizado onde abunda a cantidade pero non a calidade”.
No Comments