28 Abr Gerca, empresa da marca Terra Atlántica, lanza novos produtos para a prevención do Covid-19
A empresa GERCA, referente na Costa da Morte, adapta a súa produción á emerxencia sanitaria actual con novos produtos que permiten a administracións e empresas aplicar as medidas hixiénicas e sanitarias derivadas do Covid-19 que serán vitais nos próximos meses.
Esta peme de mobiliario e carpintería metálico de Vimianzo (A Coruña) foi capaz de deseñar e fabricar en moi breve espazo de tempo unha nova liña de soportes para dispensadores de xeles hidroalcohólicos. Unha solución útil, estética e personalizable para a atención a público e traballadores en tendas, supermercados, cafeterías, centros sanitarios, comunidades de veciños, fábricas ou lugares de lecer, entre outros.
Esta capacidade de adaptación en tempo récord de GERCA permítelle fabricar diariamente máis de 1.000 soportes, con vistas a seguir aumentando a produción nas próximas semanas.
Unha consecuencia directa é a reincorporación e mantemento do emprego de gran parte do seu persoal, a maioría da propia comarca, sempre baixo as máximas medidas de seguridade laboral.
Esta liña de soportes realizados en aceiro conta con diferentes deseños, tanto móbiles como de parede, ademais de ofrecer opcións de personalización para logos de comercios e entidades públicas e privadas. Adáptase a calquera tipo de envase e permite incorporar accesorios como papeleiras ou caixas de luva ou máscaras. A maiores, GERCA facilita tamén a adquisición do propio xel hidroalcohólico.
Como empresa fortemente comprometida desde os seus inicios co emprego e a fabricación local, GERCA fai uso da marca ‘Costa da Morte – Terra Atlántica’. Un valor engadido necesario en tempos nos que tanto administracións públicas como a sociedade en xeral deben tomar consciencia da necesidade de recuperar a soberanía industrial para saír da actual crise sanitaria e económica.
Máis de 20 anos de experiencia, tecnoloxía e adaptación constante
Desde 1996, GERCA leva ofrecendo experiencia e tecnoloxía ao servizo dos clientes máis esixentes, tanto particulares como profesionais. Desde as súas instalacións de Vimianzo esta empresa innovadora realiza traballos a medida para todo tipo de proxectos e necesidades, cunha estrita política de calidade e xestión ambiental certificadas.
No Comments