Orixe e obxectivos

O GDR Costa da Morte puxo en marcha no ano 2018 unha iniciativa para impulsar a creación dunha marca territorio que consolidase e potenciase a súa identidade, en base ao reforzo e á distinción da produción local, baixo uns parámetros de calidade e valor diferencial. O obxectivo que orientou a creación desta marca foi distinguir, visibilizar e consolidar no mercado os produtos ou servizos de empresas da Costa da Morte.

 

Para realizar este traballo, mantívose un contacto presencial importante con diferentes entidades do territorio, ademais de analizar e aprender doutras experiencias similares dentro e fóra de Galicia e España. No marco das actuacións desenvolvidas, ademais, creouse unha imaxe gráfica e representativa da marca, así como un regulamento que foi aprobado por un número significativo de entidades e empresas do territorio.

 

A finalidade da marca ten 3 grandes eixos:

 

Ofrecer uns servizos ou produtos homoxeneizados, cunhas características similares onde se coide a calidade.
Divulgar e comunicar, mellorando a visibilidade e a imaxe dos produtos e servizos.
Fomentar o turismo, informando sobre propostas de interese para os/as visitantes.

logo terra atlantica animado
atributos-costa-da-morte-terra-atlantica-338x358

Os obxectivos de comunicación

 

O traballo de comunicación centrarase en divulgar e dar a coñecer a marca dentro e fóra do territorio. Esta estratexia de difusión estará guiada polos seus principais obxectivos e resultará en actuacións en diferentes ámbitos e soportes. Estes obxectivos concrétanse en:

 

  • Crear unha marca propia e recoñecible vinculada ao territorio da Costa da Morte, á que se poidan asociar os produtos e servizos de cada empresa
  • Acadar notoriedade para esa marca, isto é, inicialmente, dala a coñecer e, posteriormente, facer medrar o seu nivel de (re)coñecemento.
  • Formar un vínculo emocional dos habitantes da Costa da Morte coa súa marca.
  • Lograr que empresas, produtores e entidades da zona se adhiran, e utilicen, a marca.
  • Achegar asociacións positivas á marca de cara ao exterior, logrando que o primeiro coñecemento de potenciais consumidores vaia automaticamente ligado a valores e atributos atractivos.
  • Impulsar as empresas asociadas, achegando valor engadido aos produtos e servizos ligados á marca, logrando que melloren o seu rendemento.