Pan Ignacio

Pan Ignacio: seguir sendo artesáns nunha empresa en crecemento

No sector da panadería pódese seguir sendo artesán aínda tendo distintos puntos de venda e sendo unha empresa en constante crecemento. A proba é Pan Ignacio que, con sede en Vimianzo, hoxe en día ten presenza tamén en lugares como Laxe, Ponte do Porto, Cee, Muros, Noia, Palmeira, A Coruña e ata Valencia. Sen embargo, os seus produtos continúan a elaborarse un a un a man: grazas ao seu equipo humano conseguen ofrecelos en distintos lugares coa mesma calidade.

Panaderia Pan IgnacioEn Pan Ignacio pódense mercar distintos tipos de saborosos bolos, tortas, pasteis e xeados, mais para eles as estrelas son o pan de trigo, os pans especiais naturais, os doces tradicionais galegos e as empanadas galegas de trigo e de millo. Fernando Espadasín, quen lidera a empresa, defínea como unha compañía de “fabricación e venda de produtos de panadería e pastelería”, aínda que actualmente teñan tamén cafeterías, ofrezan servizo de catering, e incluso posúan un parque de bolas. Este proxecto familiar que naceu hai 45 anos soubo, dende logo, ir adaptándose aos tempos.

Para eles, cóntanos Fernando, a Costa da Morte significa “apego á terra e ás raíces”. A iniciativa Terra Atlántica parécelles “seria e ben conformada, que promociona e pon en valor a nosa terra”. Agardan que co tempo se consiga acadar notoriedade no exterior para poder “tanto incrementar turismo como aportar valor engadido aos produtos e empresas da zona”. Boa base hai, sigamos traballando!

No Comments

Post A Comment