
05 Set Stoupa: cultura, arte e emprendemento 100% Costa da Morte
“Un proxecto empresarial innovador que intenta visibilizar a cultura, a arte e o emprendemento da Costa da Morte” – así define Begoña Fernández Paz a empresa que capitanea: Stoupa, unha nova adhesión a Terra Atlántica. Non en van, a súa galería de exposicións contén obras, produtos e servizos exclusivamente “made in Costa da Morte”, que están relacionados directa ou indirectamente coa promoción deste territorio. A súa idea é funcionar “como un escaparate online da nosa comarca”, algo que se evidencia claramente no seu slogan “Vendemos Costa da Morte”, ben iluminado no escaparate do seu local en Cee e en grandes letras na súa comunicación online.
Cóntannos dende Stoupa que diferencian tres sectores dentro da súa actividade, que ademais responden ás iniciais do seu nome comercial, ST/OU/PA:
- Servizos Turísticos: Reserva individualizada de servizos, produtos e actividades turísticas dos que se poden gozar no Fin da Terra.
- Obras Únicas: Exposición de creacións únicas dos autores máis recoñecidos da Costa da Morte en todo tipo de manifestacións artísticas: pintura, escultura,fotografía, serigrafía, cerámica, literatura, música, deseño de moda… A galería de arte muda de exposición e artista todos os meses do ano.
- Produtos Autóctonos: Produtos autóctonos de emprendedores da Costa da Morte, grazas ao acordo de colaboración con empresas pioneiras da comarca.
A idea empresarial materializouse na primavera de 2016 co afán de apoiar e promocionar o impresionante e descoñecido patrimonio artístico, cultural e turístico da Costa, mediante a posta en valor da súa arte, artesanía, gastronomía e oferta turística. Firmes crentes nas potencialidades do territorio, a decisión de unirse a Terra Atlántica semellaba unha consecuencia lóxica da súa filosofía de posta en valor do mesmo, polo que agardamos que a colaboración sexa positiva de duradeira.
No Comments