Así foi a presenza de Terra Atlántica no Festiletras do Couto

Así foi a presenza de Terra Atlántica no Festiletras do Couto

Tal e como xa vos adiantamos nas nosas redes sociais, Terra Atlántica estivo presente dentro da programación do Festiletras do Couto (Concello de Ponteceso), cun stand corporativo para pór en valor os produtos e servizos das empresas adheridas á marca de territorio. Aterramos no Couto o 2 de setembro e acompañamos á organización e ao público asistente ata o sábado 4.

O festival do Couto

As Festiletras son un evento -promovido pola Fundación Eduardo Pondal no Couto, Concello de Ponteceso- tradicionalmente celebrado (agás estes dous últimos anos por mor da COVID-19) ao abeiro do día das letras galegas. Desta volta, tendo en conta as circunstancias sanitarias, tivo que desestacionalizarse para celebrarse do 1 ao 6 de setembro. Dentro da súa proposta atopamos literatura, ciencia, espectáculos musicais para todos os públicos, teatro, música tradicional, humor, os Premios Bos e Xenerosos…

Dende Terra Atlántica consideramos que o evento podía ser unha fiestra ao público de dentro e fora da Costa da Morte e quixemos estar aló. Aproveitamos o evento para convidar ás e aos asistentes a achegarse a marca a través do Concurso #CoñecesACostaDaMorte? Nel, preguntamos a todo aquel que se achegou (máis de 150 persoas) sobre cuestións relacionadas co territorio (Megalitismo, Roteiros, Produto estrela da nosa horta…). Polo noso stand pasaron tamén personalidades como Touriñán, Paula Grande, Vic Moliner ou Carlos Blanco -no vídeo, bromeando sobre a Terra Atlántica momentos antes do seu espectáculo-.

 

Terra Atlántica no Festiletras

Ao longo das tres xornadas nas que estivemos presentes pasaron polo stand da Terra Atlántica pasaron máis de duascentas persoas, interesándose por quen eramos e que facíamos no Territorio da Costa da Morte. Tamén participaron no concurso #CoñecesACostaDaMorte?, unha actividade que preparamos para dinamizar a nosa presenza no festival, 150 asistentes á feira. Todos eles recibiron unha bolsa de tea de Terra Atlántica como agasallo pola súa partipación e os folletos informativos das empresas asociadas.

O último día, media hora antes do comezo da actuación musical da tarde, pedimos á organización do Festiletras que fixera de man inocente para o sorteo de entre os e as participantes no concurso dunha comida ou cea degustación cedida pola Morada do Moa (primeiro premio) e unha cesta de produto da Costa da Morte cedido por Ar de Arte, Granxa Moreira, Panadaría Jurjo e Ramisquido. Irene Berride, gañadora do primeiro premio e presente no momento do sorteo, amosou moita alegría (podedes ver a súa reacción aquí) e Eva Ramos foi contactada por teléfono. Nos vindeiros días faremos chegar a ambas os seus premios do concurso da Terra Atlántica.

No Comments

Post A Comment