30 Xul Terra Atlántica suma seis novas empresas e amplía a súa promoción entre os concellos
A marca territorio Costa da Morte Terra Atlántica vén de sumar seis novas adhesións de empresas, procedentes principalmente dos sectores da artesanía, froito dos encontros realizados o pasado 7 de xullo en Vimianzo e Buño. As empresas que se unen son Obradoiro Cambón, Olería Aparicio e Cerviño. Tamén o fan outras tres empresas do eido da hostalaría e o turismo: Morada da Moa, Dakar & Rock e Casa de Trillo.
Con estas, xa son 42 as empresas adheridas á marca, que continúa traballando para aumentar a súa comunidade de entidades socias. Neste momento, Terra Atlántica conta cunha representación en todo o territorio, pois xa hai empresas asociadas procedentes dos 17 concellos da Costa da Morte.
Entrega de material promocional aos concellos
En paralelo, continúan os esforzos para dotar de maior notoriedade e impacto á marca. Con este obxectivo, o GDR Costa da Morte, impulsor de Terra Atlántica, fixo entrega este xoves na Casa da Cultura de Vimianzo, de novo material promocional aos concellos.
Presentación do novo material promocional para os concellos
Entre o material destacan os tótems que se distribuirán nas casas consistorais da Costa da Morte, que contribuirán a reforzar a visibilidade da marca e o compromiso das institucións na súa posta en valor.
O presidente do GDR e alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou que este material “é un paso máis no labor que se vén realizando nos últimos meses, con varias actividades de networking, formación e encontros sectoriais co tecido empresarial e social da zona, que procuraron incentivar a participación e aproveitar as sinerxías entre as entidades socias da marca e contribuír deste xeito ao seu maior coñecemento e relevancia”.
Xornada de experiencias inspiradoras
Pola tarde, ás 20:00 h no Centro Sociocultural de Baio, celebrarase unha nova xornada, neste caso para expoñer casos de éxito de experiencias inspiradoras para a marca. As empresas asociadas poderán descubrir exemplos de xeodestinos como o Xeoparque da Costa Vasca, declarado Xeoparque Mundial da UNESCO en 2015, ou as marcas territorio implantadas pola Bretaña francesa e Nova Zelanda, que contan cunha activa participación empresarial.
No Comments