29 Out Terra Atlántica ofrece tres programas para impulsar a visibilidade e negocio das súas marcas asociadas
A marca territorio Costa da Morte Terra Atlántica organizou este xoves 29 de outubro, entre as 19:30h e 20:30 h, a xornada “Novos retos”, no Centro Sociocultural de Baio (Zas). Nela presentáronse distintos programas para acadar de maneira conxunta e baixo o paraugas da marca os obxectivos e metas das entidades integrantes.
En concreto, ofreceuse a posibilidade de desenvolver tres programas para impulsar a visibilidade e negocio das entidades socias. Un deles sería o programa “Saborea Terra Atlántica”, dirixido a entidades do sector primario e asociadas á venda de produto, así como a empresas de hostalaría e restauración. Consistiría, en liñas xerais, na dinamización do produto do mar e da terra da Costa da Morte a través de xornadas municipais de exaltación do produto da terra-mar, concursos de receitas populares, concursos de tapas Costa da Morte-Terra Atlántica, feiras e/ou foros que conxuguen o patrimonio inmaterial coa tradición gastronómica ou difusión dixital coa colaboración de persoas recoñecidas no sector.
Estaría complementada con “Respira Terra Atlántica”, centrado en empresas que oferten servizos para o sector terciario, así como as asociadas ao sector turístico. Incluiría actividades de turismo activo ou a ideación da Semana Terra Atlántica, que combinaría temáticas de turismo, deporte, patrimonio adaptadas a todo tipo de públicos.
Por outra banda, as empresas adheridas dedicadas ao comercio e ao sector servizos poderían contar con outro programa adicional, “Terra Atlántica Aberta”, que busca reforzar o consumo de produtos e servizos na Costa da Morte por parte da poboación do propio territorio. Podería levarse a cabo mediante distintas vías, como acordos ou convenios cos concellos e posta en marcha de fórmulas de xestión e apoio para dotarse dun servizo de información e asesoramento xeral; a través de certa homoxeneidade na imaxe e mobiliario da empresas, que inclúa a marca Terra Atlántica, ou mediante campañas de promoción conxunta de animación comercial e de publicidade.
8 retos estratéxicos
Nesta xornada o GDR Costa da Morte, que impulsa a marca, abordou conxuntamente coas empresas a identificación dos retos estratéxicos da marca e as posibilidades de colaboración das empresas para alcanzalos. Tras a reunión, sinaláronse oito grandes desafíos:
- Asentar e consolidar ás marcas adheridas nos mercados de proximidade.
- Conseguir que penetren en novos mercados.
- Reducir custos e riscos en xeral, e en particular, en novas aventuras de comercialización que se desexen emprender.
- Estudar e coñecer mercados aos que se desexe acceder.
- Mellorar e completar a gama de ofertas da empresa.
- Ampliar a rede de distribución.
- Implantar o negocio noutros mercados externos.
- Acadar unha maior difusión e coñecemento dos produtos e servizos existentes na Costa da Morte.
Cinco novas adhesións
No encontro tamén se constatou o crecemento paulatino da marca, que sumou cinco novas empresas socias de distintos sectores, desde o agroalimentario ata o industrial. As novas incorporacións son cooperativa agrogandeira Coreber, H Cabo Sport e Casa A Pichona do ámbito hosteleiro, a empresa de comunicación e eventos Dime Sí Quiero e a química industrial Savelo. En total, a marca Terra Atlántica conta xa con 45 empresas socias nos 17 concellos que conforman a Costa da Morte.
Consulta o protocolo de colaboración aquí.
No Comments