
12 Set A Torre de Laxe: casar con estilo
Terra Atlántica suma un novo establecemento hoteleiro con valor engadido: A Torre de Laxe, un hotel rústico que está especializado na organización de eventos, en particular casamentos. Carmen Pose define o proxecto que dirixe como “un complexo turístico”, xa que os seus servizos van moito máis alá de xestionar vodas, incluíndo estancias en cuartos do edificio principal, alugamento de casas e apartamentos, e packs especiais activos, románticos ou de aromaterapia. Se ben a finca e os seus edificios xa merecen unha visita -debido ao conxunto de xardín perfectamente coidado con piscina, minigolf, e vistas a mar e montaña-, as súas habitacións de estilo ecléctico, decoradas mesturando mobles antigos restaurados con toques modernos, acaban de namorar aos seus hóspedes.
A Torre de Laxe naceu no ano 2010 a partir da rehabilitación das construcións en ruínas que había no terreo, buscando crear “un produto diferenciado e completo na Costa da Morte”. No 2013, a apertura dunha zona adicada á celebración de vodas deu paso á especialización en cerimonias e eventos, e a calidade gastronómica, sumada ao coidado dos detalles fixeron o resto para convertelos nun referente. Dende a finca de 13.000 m² poden divisarse a Ría de Corme e Laxe, rodeadas de natureza e con moitos outros atractivos turísticos a poucos quilómetros, como son a Praia dos Cristais, o Dolmen de Dombate ou o castro A Cidá de Borneiro.
A Costa da Morte, cóntanos Carmen, é “unha zona única que temos que coidar e potenciar para ofrecer un servizo de calidade como corresponde á contorna que temos”. Pensa que unidos poderemos crear unha marca de prestixio que a faga destacar “polo moito que temos que ofrecer”. Imos seguir traballando para que sexa realidade.
No Comments