Verxel Galego

Verxel Galego: a horta directamente do produtor ao consumidor

Verxel Galego foi creado para a difusión e comercialización do seu produto principal, a pataca, aínda que na actualidade tamén ofrece outros de calidade, como grelos, cabazas, pementos e tomates. Dende o seu nacemento, buscan informar sobre os froitos da terra dende o punto de vista dos pequenos produtores, amosando o agarimo co que os labregos desenvolven o seu traballo, partindo do primeiro minuto de preparación do terreo para sementar, ata a entrega ao consumidor final.

Patacas Verxel GalegoEn Coristanco, terra de patacas por excelencia, incluída na Indicación Xeográfica Protexida “Pataca de Galicia”, Juan Ramón Sanjurjo dirixe este proxecto con máis de 20 anos de experiencia ás súas costas. Actualmente serven a máis de 1000 clientes (“satisfeitos”, como ben din eles) produtos das súas 26 hectáreas, e contan con sete certificacións de calidade.

Nestes momentos, ademais de na Costa da Morte, Verxel Galego fai entregas na Coruña e en Santiago de Compostela, pero ofrecen a posibilidade de poñerse en contacto con eles (24/7) para propoñer outras zonas de reparto. A través da súa páxina web poden tamén facerse consultas e coñecer os ciclos das verduras e hortalizas paso a paso: dende a roza e o arado, habitualmente no mes de marzo, ata a súa recolección, cara o mes de setembro.

Como empresa adherida a Terra Atlántica, xa locen o distintivo con orgullo e agardan medrar coa marca e co territorio. Orgullo é tervos por compañeiros, sigamos traballando!

No Comments

Post A Comment