22 Dec Xoán Curiel e Iris Gey, o 23 de decembro en concerto en streaming no Bela Fisterra
Os músicos Xoán Curiel e Iris Gey actuarán o 23 de decembro dende as 19:30 h en directo e por retransmisión online no Bela Fisterra, empresa asociada á marca Terra Atlántica. Neste concerto, o compositor e cantante Xoán Curiel e a cantante Iris Gey achegan a figura de diversos trobadores do período trobadoresco (S.XII – 1354). Xoán pon música a diferentes cantigas medievais da lírica medieval galego portuguesa co propósito de ofrecer unha actualización ou renovación das mesmas, aportando a súa propia visión persoal, musical e creativa.
Xoán Curiel e Iris Gey presentarán estas cancións en Muxía, no local Bela Muxía (cantando, entre outras, a canción: A Furna da Buserana, en torno ao poema de Gonzalo López Abente que versa sobre unha lenda medieval da zona de Muxía).
O concerto é un anticipo do sétimo disco de Xoán Curiel, feito a partir destas cantigas que está sendo rematado. Todo este proxecto creouse ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia.
Sobre Xoán Curiel
Actualmente nomeado nos Premios Opinión da Música de Raíz, presenta no 2019 o seu sexto disco Canta miña pedra, canta (ed. Galaxia). É premiado tamén no 2019 nos Premios Martín Códax da Música (na categoría música infantil) e tamén nos Premios Frei Martin Sarmiento polo seu proxecto Infantil por A Casa do Terror.
No ano 2018 Xira por Italia e colabora creando a música para o documental de poetas e poesía en galego Vértice de versos. É finalista nos Premios Martín Códax da Música na categoría de Canción de Autor.
En 2016, presenta o seu cuarto disco Ecuacións, un novo disco autoral experimental gravado en Santiago de Compostela e tamén en Sao Paulo (Brasil) co violeiro Julio Santín. No ano 2015 grava a súa voz na película galego-cubana Maimiño as cancións que Silvio Rodríguez crea para dito film.
Nos anos 2014 e 2015 crea e dirixe o primeiro e segundo Certame de Canción de Autor en Galego de Teo e presenta o seu terceiro disco editado pola Editorial Galaxia chamado Estamos no verán!!!
En 2014 realiza a Xira de Peregrinación Magnética, neste ano, Xoán viaxa ás Azores (Fringe Festival), Lisboa (Feira da Luz) e tamén a Arxentina, actuando en Bos Aires, Rosario, Paraná,Santa Fe e San Nicolás. E, en 2013, obtén o Premio a “Mejor Album en Lengua Gallega” nos “V Premios de la Música Independiente”.
En outubro do 2012 participa no Festival Estou La como artista e director artístico compartindo escenario con artistas como Eneida Marta ou Joao Afonso. Ese mesmo mes de Outubre participa en Bilbao no festival Cantando a Marrodán xunto con históricos da música de autor vasca e catalana. En Xaneiro do 2012 participará no festival da lusofonía Cantos na Maré.
Nestes anos participou en multitude de discos e espectáculos realizando ademais xiras en Brasil, Arxentina, Italia, Francia, EEUU e Portugal entre outros..
Sobre Iris Gey
Escritora e cantante profesional. Colabora con Xoán Curiel dende hai 5 anos co espectáculo Ao Encontro de Martin Codax e aztualmente no espectáculo Treides Comigo! Ademais colabora con este artista no seu primeiro disco Nai (disco adicado á figura da muller) e no último Canta miña pedra, canta.
Áccesit do Premio Modesto R. Figueiredo 2016 co relato: Cráneos privilexiados
Gañadora do XX Certame de relato curto (Concello de Mugardos) na categoría de maiores de 18 anos.
Gañadora do Premio de Creación Literaria e Ensaio convocado pola Universidade de Filoloxía da UDC.
Relato gañador do XIX Premio de Creación Literaria e Ensaio convocado pola Universidade de Filoloxía da UDC.
No Comments