Xornada de Exaltación 8 Romarías

Xornada de Exaltación 8 Romarías

O próximo venres 25 na Escola de Hostalaría de Carballo (Forum Carballo), ás 19:00 horas, terá lugar a presentación da iniciativa que trata de reforzar a identidade e consolidación da Costa da Morte e do traballo en rede de sectores centrais no territorio como son o agro, a artesanía e o seu patrimonio cultural.

Para isto preténdese elaborar, nun primeiro momento, 8 propostas gastronómicas novas ou complementarias ás existentes baseadas nas Romarías da Costa da Morte, e na combinación do produto do mar e da terra.

Para a presentación e degustación destas propostas gastronómicas deséñase unha edición limitada de elementos artesanais promocionais de pano de liño do artesanado local. Á súa vez, deseñaríase un dossier divulgativo en formato dixital, para a promoción das propostas gastronómicas e das propias festividades como accións de dinamización e desenvolvemento do medio rural.

Para a xornada de exaltación, do día 25, contaremos con Miguel Silvarredonda investigador, profesor e cociñeiro do CIFP Paseo das Pontes (A Coruña) que nos fará diferentes propostas gastronómicas relacionadas con 8 das Romarías da Costa da Morte:  Milagres de Caión (A Laracha); 2. San Adrián da Piña (Carballo); 3. Santo Hadrián (Malpica); 4. Nosa Señora do Faro (Ponteceso); 5. San Fins de Castro (Cabana); 6. A Virxe do Monte (Camariñas); 7. Faguía de Carnés (Vimianzo); 8. Virxe da Barca (Muxía).

Ao acto só se poderá asistir con invitación.

No Comments

Post A Comment